Hosting por dinahosting.

Proxecta asina o Pacto Cultura Sustentable

Eliminación do 100% de plásticos dun só uso en 2022, redución dun 30% de residuos en 2023 e 50% de enerxía renovable en 2024, son algúns dos compromisos.

Vinte e sete festivais, entre os que se atopan os 18 que conforman Proxecta, dan un paso á fronte e convértense en referente no desenvolvemento dos eventos sostibles, nun exercicio de responsabilidade co planeta, coa contorna e co seu público. Os oito festivais que forman parte da Asociación Festivais da Música, Festival de la Luz, Sinsal SON Estrella Galicia, Sonrías Baixas, 17º Ribeira Sacra, Revenidas, Underfest, Vive Nigrán e WOS, os festivais de cinema que forman parte da coordinadora Proxecta e o Marisquiño de Vigo, comprométense coa axenda 2030 e coa súa visión integradora para a consecución dun obxectivo común: transformar o noso planeta a través da acción. Na presentación do Pacto Cultura Sustentable o xoves 8 de xullo no Museo das Peregrinacións e de Santiago interviron Ángel Sánchez, presidente de Proxecta e director do Play-Doc de Tui, Xoán Quintáns, secretario da Asociación de Festivais de Música e director das Revenidas de Vilaxoán, e María Baqueiro, consultora de sustentabilidade.

O pacto suscrito recolle os obxectivos para o trienio 2021-2024; entre eles, a eliminación dos plásticos dun só uso, a redución nun tercio do volume xeral de residuos, a compensación da pegada CO2 ou a transición cara as enerxías renovables na produción dos eventos. Ademais do pacto mediambiental, compromisos na dimensión social dos eventos coa igualdade de xénero, coa economía local e coa accesibilidade. “ A Axenda 2030 é unha chamada á acción e a cambiar o planeta e a cultura xoga un papel fundamental. Este é un pacto a longo prazo. Elaboramos unha política común, unha visión marco: onde nos gustaria vernos no horizonte do 2030 abranguendo todas as áreas de actuación. Queremos traballar na igualdade, que os eventos sexan accesibles, contribuir ao desenvolvemento do territorio, colaborar coas empresas locais e os proxectos artísticos próximos, diminuir os impactos no medio reducindo residuos e, por suposto, compartir recursos entre nós, que é fundamental”, explica María Baqueiro.

Neste ano 2021 é o momento de facer análises e diagnósticos. “Queremos eliminar os plásticos dun só uso, medir a pegada de Co2, identificar os grupos de interese e compartir as boas prácticas. Usar o 50% de enerxias renovables. Por exemplo, os eventos que se celebran ao aire libre requiren equipos eléctricos e poden modificar prácticas, pero hai outros eventos indoor nos que o promotor non ten esa capacidade porque está operando nun recinto doutra titularidade, por iso é importante extender esta estratexia a colaboradores e patrocinadores”, sinala Baqueiro, que destaca que este non é un pacto pechado a festivais de cinema e música. “Se se empeza con eles é porque xa teñen traballo avanzado”, engade.

Xoan Quintáns, en representación dos festivais de música, destacou os eventos “como espazos privilexiados para o cambio social, pola moita xente que convocamos moita xente. O noso público reclama cada vez máis que teñamos valores. Impulsamos igualdade, o uso do transporte colectivo e sabemos que temos que mellorar a accesibilidade e crear sinerxias con universidades, empresas, cos nosos patrocinadores. En Galicia os festivais de música levamos anos, non destacamos por ser masificados e gustarianos que se tivera en conta a singularidade dos nosos proxectos”.

Angel Sánchez, en representación de Proxecta remarcou o proceso de aprendizaxe no que se atopan os festivais de cinema. “Temos que facer fronte a moitos dos compromisos que se recollen no pacto. Temos que ter a capacidade contaxiar. En Proxecta, con 18 festivais, representamos a diversidade, traballamos coordinadamente. Entender que hai diferentes modelos, con empresas, asociacións ou concellos, no rural e no urbano. Proxecta desprégase por todo o territorio, en aldeas, vilas e cidades. Este pacto é unha oportunidade para poñernos un espello diante e contaxiar os nosos aliados. Un momento ilusionante”, di.

Prioridades e compromisos

“Hai moita confusión coa palabra sustentabilidade, para algúns é reducila a cuestións medioambientais; a súa complexidade é o motor de por que non empezamos a traballar de maneira conxunta. Os festivais teñen a facilidade, a capacidade de responder, de testear, de facer pilotos e unha enorme capacidade de difusión. Por iso é importante que tomemos iniciativa”, conclúe María Baqueiro. O prioritario e máis urxente? Desde os festivais apuntan a temas como a accesibilidade e a igualdade de xénero. “É curioso que sexamos un sector que apenas produce emisións e sen embargo isto se converteu nunha preocupación fundamental. Obviamente traballamos na redución nos residuos, pero a parte máis importante para nós é a parte social: traballar na contorna”, apunta a consultora.Os compromisos que suscriben os festivais para os próximos tres anos pasan pola eliminación dos plásticos dun só uso no prazo dun ano, a medición da pegada de CO2, a redución dun 30% do volume de residuos xerados, a utilización de fontes de enerxías renovables nun 50%, a implicación dos provedores con este pacto e a transparencia á hora de avaliar e comunicar as accións emprendidas. Alén dos aspectos medioambientais, centrais no acordo, este garante tamén nos eventos adheridos a igualdade de xénero en propostas artísticas e equipos, a accesibilidade dos festivais e o apoio a empresas e artistas locais, priorizando a súa participación nos festivais.

Desde a Asociación de Festivais destácase a vocación expansiva deste pacto, convidando a todos os eventos culturais realizados en Galicia a suscribilo e á Administración a apoialo, mentres lembran que tras a acción cultural atópanse moitas empresas e axentes privados, cuxo liderado é imprescindible no cambio sustentable global. Alén diso, a recuperación e promoción dunha actividade económica tan relevante como o turismo require dun pacto cultural pola sustentabilidade, máis se cabe no contexto da celebraciòn xacobea en Galicia. Continúase así a senda dos avances que, en materia de sustentabilidade e cultura, tiveron lugar no contexto español como o impulso da Red Española para el Desarrollo Sostenible (REDS) [2019] ao sector cultural e a publicación do “Plan de Acción para la adaptación de los Festivales de Música a la Agenda 2030” por parte da Asociación de Festivales de Música (FMA) [2020]. Para a Asociación de Festivais de Galicia a sinatura dunha política de sustentabilidade común reforza dous conceptos: a necesidade de pensar en global e actuar dende o local e a importancia das alianzas para lograr os obxectivos.

Pódese consultar o pacto neste enlace:

www.pactoculturasustentable.gal

Aquí un resumo dos compromisos adoptados:

• Eliminar o 100% dos plásticos dun so uso.

• Medición do volume de residuos e da pegada de CO2

• Identificar os grupos de interese e garantir a súa participación no proxecto

• Reducir o volume de residuos nun 30% respecto ao ano anterior

• Compensar o 100% da pegada de CO2 en 2023

• 50% da enerxía procedente de fontes renovables

• 100% dos provedores aliñados coa nosa política

• 100% dos festivais que suscriben o pacto publican a sua memoria de sustentabilidade.

#PactoCulturaSustentable

Asociación Festivais de Música:

Festival de la Luz (Boimorto)

Sinsal SON Estrella Galicia (San Simón)

SonRías Baixas (Bueu)

Revenidas (Vilaxoán)

17ª Ribeira Sacra

Vive Nigrán

Underfest (Vigo)

WOS (SCQ)

Proxecta. Coordinadora de Festivais de Cinema:

Festival de Cans (O Porriño)

Curtocircuíto (SCQ)

Cineuropa (SCQ)

S8 Mostra de Cinema Periférico (A Coruña)

Carballo Interplay,

Chanfaina Lab (San Sadurniño)

FanCine Lemos (Monforte)

Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía de Arousa)

FIC Bueu

Festival RiR (Allariz)

MICE Museo do Pobo (SCQ)

Galician Freaky Film Festival (Vigo)

Play-Doc (Tui)

Novos Cinemas (Pontevedra)

Mostra Mares da Fin do Mundo (A Coruña)

Intersección (A Coruña)

Festival Internacional de Curtas de Verín

Festival de Cinema Inclusivo de Vigo

+:

O Marisquiño (Vigo)