O S8 anuncia novas datas para a súa edición deste ano.

A organización do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico decidiu pospor a celebración da súa XI edición, inicialmente programada para a primeira semana de xuño, e levala a cabo do 27 de setembro ao 3 de outubro do 2020, debido á situación extraordinaria provocada en todo o mundo polo COVID-19. A organización tomou esta decisión ante a evolución do virus e atendendo sempre ás recomendacións e obrigacións ditadas polas autoridades sanitarias e os gobernos competentes -local, autonómico, provincial e estatal-.

Para o equipo do (S8), a seguridade e o benestar de público e artistas é primordial, como tamén o é o axeitado desenvolvemento do evento. Aínda que o festival se celebre máis tarde do previsto nun inicio, o equipo continúa traballando para que todo poida transcorrer con normalidade no mes de setembro, mantendo intacta a ilusión de poder compartir cos asistentes ao festival contidos de calidade que o departamento de programación preparou durante os últimos nove meses con mimo e dedicación.

Neste período de crise sanitaria mundial, a organización quere ter tamén moi presentes ás vítimas do COVID-19 e expresar a súa solidariedade con todas aquelas persoas que loitan contra a enfermidade que o virus desencadea. O (S8) únese ás voces que piden con firmeza que toda a cidadanía respecte o confinamento xeral e amose o seu civismo e empatía nestes momentos difíciles aos que nos enfrontamos como sociedade. 

Do mesmo xeito, a dirección do festival quere destacar que “non temos nin a máis mínima dúbida de que o (S8) 2020 rematará sendo unha feliz realidade e esperamos poder compartilo con todos vós. Vémonos do 27 de setembro ao 3 de outubro na Coruña!”.