MICRO IS BIG: MESA PROXECTA NO (S8)

Venres 4 de xuño ás 12h na sala (S8) Palexco, sala Municipal de exposicións de A Coruña e en streaming a través de Facebook Live e Youtube.

Nesta 12ª edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar entre os días 28 de maio e 6 de xuño, haberá un apartado adicado aos encontros profesionais e a primeira destas sesións realizarase en colaboración con Proxecta. Esta Mesa Proxecta terá por nome “Micro is big” e centrarase no presente e futuro da exhibición cinematográfica a través das voces dos responsables dunha rede de microcines autoxestionados que creceu no mundo nos últimos anos.

MICROCINEMAS: PRESENTE E FUTURO DA EXHIBICIÓN CINEMATOGRÁFICA

Lonxe quedan os tempos nos que o cinema era un entretemento popular e o negocio estaba na venda de billetes. Os cartos están agora noutras plataformas e produtos, co que se está a deixar morrer a infraestrutura que sostiña o cine como experiencia colectiva. Está claro que non se pode deixar en mans dos grandes capitais o destino daquilo que nos importa, nin podemos asimilarnos aos seus mandatos. A resistencia atópase noutro tipo de cine e mais de exhibición, a resposta nestes tempos de cine online e franquías de marketing está nun cambio de proceder. Neste contexto o “micro é grande” e, do mesmo xeito que escenas coma a punk crearon os seus propios circuítos de concertos, sen esperar a seren admitidas nun sistema de espectáculos que lles era alleo, o cinema experimental e independente tamén ten ido creando os seus espazos. Como conta Ed Halter no seu artigo Head Space. Notes on the Recent History of a Self-Sustained Exhibition Scene for American Experimental Cinema, “o termo ‘microcinema’ foi cuñado polos cineastas Rebecca Barten e David Sherman, que abriron unha sala chamada Total Mobile Home Microcinema en 1994, unha mini sala de trinta asentos construída no soto do seu apartamento en San Francisco […] Barten e Sherman articularon un ethos compartido por moitos outros. ‘Como cineastas que nos autofinanciamos, funcionando totalmente fóra do sistema, queriamos crear un espazo íntimo, non institucional, no noso soto, onde a distancia entre a película e mailo público, entre os propios artistas e o público, puidese ser activada e transformada’”. Unha rede de microcines autoxestionarios ten medrado así polo mundo nos últimos anos, como alternativa á amarga medicina que nos queren facer tragar. Dende o (S8) queremos convocar algúns dos seus máis relevantes expoñentes (do país e mais de fóra) neste primeiro encontro, coa idea de compartir experiencias, aprender os uns dos outros e proxectar un futuro viable (e co que nos sintamos identificados) para a experiencia colectiva do cine, algo que dende defendemos con vehemencia.

PARTICIPANTES

En “Micro is big” participarán Damien Sanville del Close Up Cinema (Londres), Ed Halter de Light Industries (Nueva York), Albert Triviño de Zumzeig Cinecooperativa (Barcelona) e Xan Gómez Viñas de Numax (Santiago de Compostela).

A mesa estará presentada por Ángel Rueda, director do (S8) e moderada por Elena Duque, programadora.

A cita terá lugar o venres 4 ás 12h na sala (S8) Palexco, sala Municipal de exposicións de A Coruña. Tamén poderá seguirse en directo a través do Facebook Live e da canle de Youtube do (S8) Mostra de Cinema Periférico.