MESA PROXECTA: A COMUNICACIÓN DE EVENTOS CINEMATOGRÁFICOS EN GALICIA

Hoxe, venres 9 de abril, ás 16h30 no Museo do Pobo Galego e dentro da programación da MICE – Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, terá lugar a primeira Mesa Proxecta do ano baixo o título “A comunicación de eventos cinematográficos en Galicia”. Un acto en colaboración, neste caso, entre a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema e CREA, Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización.

Promocionar os eventos en torno ao cinema, trátese de festivais ou de filmes, é unha tarefa que recae fundamentalmente nos e nas profesionais da comunicación. O seu perfil, as tarefas desenvolvidas, a relación cos medios especializados, e as condicións nas que desenvolven os seus traballos son os temas que se desenvolverán nesta mesa.

O moderador será Xoán Escudero, cineasta, que comezou no mundo do cinema e o audiovisual como técnico de son para pasar a traballar na parte creativa cos seus propios proxectos.

Os participantes serán Andrea Villa, María Yáñez e Jesús Silva.

Andrea Villa ten sido a responsable de comunicación en varios festivais de cinema, entre outros, Novos Cinemas, Carballo Interplay, S8 ou Curtociruíto levando prensa, RRSS e desenvolvemento de contidos online. Ademais, tamén integra o equipo de comunicación do filme Ons de Alfonso Zarauza ou Nación de Margarita Ledo.

María Yáñez é xornalista, editora, guionista e directora da revista dixital Vinte. Tamén é a responsable da comunicación dos filmes Ons de Alfonso Zarauza ou Eroski Paraiso e traballou en Screenly, plataforma de eventos de cinema en salas baixo demanda.

Jesús Silva é xornalista e crítico cinematográfico. Actualmente dirixe a revista A Cuarta Parede.

O acto será presencial, no Museo do Pobo Galego, pero tamén poderase seguir a través de youtube na canle da MICE.