Hosting por dinahosting.

Ábrese o prazo para presentar obras ao 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu

A asociación FICBUEU vén de abrir o prazo para a presentación de obras ao 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra), que se desenvolverá entre o 11 e o 19 de setembro co apoio do Concello de Bueu, entre outras administracións e entidades. As bases contemplan ata oito seccións, seguindo a pauta da anterior edición do certame, que se saldou cun grande éxito de público.

Ata o 15 de abril permanecerá aberto o prazo para o envío de curtametraxes, que un ano máis deberá realizarse a través da plataforma Shortfilmdepot. Poderán presentarse traballos de calquera xénero estreados a partir do 1 de xaneiro de 2019, cunha duración que non supere os 30 minutos. En xuño daranse a coñecer as obras seleccionadas, que optarán a máis de 5.500 euros en premios tendo tamén en conta os destinados a centros educativos, para os que se lanzará unha convocatoria específica previsiblemente no mes de maio.

Todos os traballos presentados competirán por entrar na Sección Internacional, da que sairán os títulos gañadores das Ánforas de Ouro e Prata, alén dos once galardóns artísticos e técnicos. Unha vez que este apartado se complete, configuraranse o resto, optando os escollidos para as seccións Galicia, España e Experimental aos premios a mellor curtametraxe galega, española e experimental, respectivamente. Alén da sección Escolas Galegas, en paralelo haberá tamén outros tres apartados non competitivos: Infantil, Xuvenil, e Panorama. Ademais, as e os asistentes votarán in situ para o aclamado Premio do Público.

O obxectivo do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu é contribuír á promoción das mellores curtas realizadas nos dous últimos anos no ámbito internacional. No entanto, a organización está a traballar na configuración dun programa máis amplo que incluirá múltiples actividades de carácter cinematográfico e cultural. A isto engádense diferentes obradoiros e as accións da Área Social do FICBUEU, que xa están en marcha con diferentes colectivos.