Hosting por dinahosting.

A Asociación FICBUEU traballa con adolescentes do Centro Príncipe Felipe a través do cinema

A asociación FICBUEU vén de iniciar unha nova liña de acción social en colaboración coa Deputación de Pontevedra para traballar con adolescentes da institución Príncipe Felipe a través do cinema. Desde a pasada semana e ata o mes de maio organizaranse oito sesiónsde curtametraxes que permitirán debater sobre temas como a alimentación sa, a educación afectivo sexual, a igualdade ou o coidado do medio con grupos de entre 20 e 30 residentes, con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos principalmente.

As proxeccións están dirixidas ás rapazas e rapaces dos dous centros de acollida infanto-xuvenís, polo que para abordar as catro temáticas se replicará a programación en cada un deles. O primeiro bloque, dedicado aos hábitos alimentarios, xa se desenvolveu o pasado 19 de febreiro no centro Agarimo e mañá mércores terá lugar na Escola Fogar, a partir das 16.30 horas. A través de cinco curtametraxes, trátanse cuestións coma os trastornos alimenticios (La piel fina), a comida caseira (Pour une poignee de girolles), o vexetarianismo e o veganismo (73 cows), a comida lixo (Junk) ou a desigualdade en relación á alimentación e os desperdicios (Ilha das flores). As e os asistentes ao primeiro cinefórum amosáronse moi interesados e participativos.

O obxectivo desta actividade é levar o cinema a espazos aos que habitualmente non chega, aproveitando a capacidade do audiovisual para fomentar a formación cultural e o pensamento crítico. Ao tempo, promóvese a socialización do colectivo ao que se dirixe, favorecendo a súa inclusión. A aprendizaxe e a reflexión combínanse co tempo de lecer, contribuíndo así aos fins do Centro Príncipe Felipe, como son o benestar social e a integración das e dos menores.